

A primeiros de ano Ribeirán Proxectos Naturais entregou a súa primeira guía turística, a do Concello de Santiso.
Nela incluimos información sobre historia,castros, arquitectura relixiosa, civil e popular; tamén sobre rutas de sendeirismo ( http://senderismo.santiso.org/ ), hostalería e turismo rural. E por suposto Natureza.
E entre todos os valores naturais do Concello e os dos arredores , coa Serra do Careón e o Ulla como principais espazos, e especies como a toupa de río ou aguaneira, o mexillón de río ou unha recentemente descuberta especie de fungo Entoloma santisensi, está un ave.
O sisón é o noso protagonista. Nomeada ave do ano 2017 en España por SEO / Birdlife, está en serio perigo, pois perdeuse a metade da súa poboación na última década.
É unha especie de avetarda pequena, de menos dun quilo, cunhas cores que lle permiten camuflarse nos campos de cereais ou nos pastizais secos.
Crían unha niñada ó ano entre abril e xuño. Durante o ritual de cortexo os machos erizan as plumas do pescozo, amosan as alas e fan pequenos brincos por riba da vexetación. O reclamo do cortexo e un «trrr…» que emiten cada 10 segundos.
Fan o niño no chan, ben agachado, no que poñen de tres a cinco ovos. As femias chocan e crían os polos soas.
Cando non están criando viven en grandes bandos. Comen sementes, raíces e insectos.
En Galicia a presenza do sisón é puntual sendo a súa distribución moi discontinua e fragmentada entre as catro provincias. Confirmouse tamén a súa presenza nas comarcas da Terra Chá (Lugo) e A Limia (Ourense).
As súas poboacións están a reducirse drasticamente sobre todo pola perda dos seus hábitats, causada pola agricultura intensiva e o uso de pesticidas e insecticidas. É dicir por unha agricultura pouco sostible ou incluso pola sustitución dos campos por plantacións forestais ou abandono do cultivo.
En Galicia está declarada especie en perigo de extinción, incluida no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Na Serra do Careón ata hai uns anos aniñaba, hoxe só hai citas de presenza nos meses de verán e outono.
A Sociedade Española de Ornitoloxía pídenos que elixamos produtos respetuosos coa biodiversidade na cesta da compra para contribuir a manter e mellorar as paisaxes nas que vive o sisón , xunto a outras especies de ambientes agrarios.
Son do sisón: dalle a play
Celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente no Bosque de Galicia, no Gaiás os días 6 e 7 de Xuño.
E a partir de aí algunhas das actividades que realizamos foron:
– Módulo ambiental de Cursos de Monitor de tempo libre en Boqueixón, Vigo e Compostela
– Celebración do Día Mundial dos Océanos o 9 e 10 de Xuño en Moaña para o Campus do Mar, coordinado pola Asociación de Oceanógrafos de Galicia. Na foto os rapaces facendo un perfil de praia.
– Obradoiro de cosmética natural nas festas do Barrio de San Pedro e na tetería O Xardín dos Soños, en Compostela.
– Monitores das excursións para escolares do programa O sabor da aventura está no mar. Na foto visita ó faro de Fisterra.
https://osabordaaventuraestanomar.xunta.es/gl/galerias/371
– Coordinación do voluntariado ambiental nas Fragas do Eume para a Rede de Parques Naturais de Galicia e o Servizo de Voluntariado e Participación. Na foto o cuaderno dun dos voluntarios, con algunhas das cousas que descubriron no Parque Natural.
– Monitores en Mergúllate no Océano 2016 para o Campus do Mar. Obradoiros de divulgación científica mariña. Na foto na praia de Samil, en Vigo.
– Fomos monitores no Voluntariado ambiental do Parque Natural de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.
– Campo de traballo internacional Monte da Espenuca
Estivemos rematando cun eucaliptal para convertilo nunha fraga no futuro. Como se ve con moi bo humor.
– Coordinación do voluntariado ambiental na Illa de Ons, por terceiro ano.
– Obradoiros no Voluntariado ambiental Monte Branco coas compañeiras de «As píllaras das dunas».
– Safari de Outono na Cidade da Cultura.
Percorrimos a zona do Bosque de Galicia buscando prantas con moitas familias con nenos. Aprenderon sobre prantas comúns e deron un bonito paseo con vistas.
E nos últimos días do ano estamos rematando dous proxectos para o Concello de Santiso:
Agardamos que o ano que ven sexa aínda mellor para Ribeirán Proxectos Naturais, e para todos.
Feliz 2017!
Caixa niño no Bosque de Galicia
En Galicia coa perda da paisaxe tradicional moitas especies teñen os seus hábitats naturais moi reducidos. Os campos de cultivo reduciron moito a súa extensión, igual que os bosques e fragas coa expansión do eucalipto.
Ocorre con pequenos paxaros propios das zonas de hortas, froiteiras e cultivos, pero tamén con aves nocturnas como curuxas ou mouchos que precisan casas vellas abandonadas, galpóns ou refuxios naturais como ocos nas árbores. Pero estas «casas» tradicionais para elas xa apenas existen, pois por exemplo un carballo para ter ocos que podan usar teñen que ter máis de 100 anos e quedan moi poucas fragas maduras con esa antigüidade.
Cos morcegos pasa outro tanto, cada vez teñen menos refuxios naturais ou construcións humanas que lles sirvan para aniñar e refuxiarse.
Caixa refuxio para morcegos
Todas estas especies son moi importantes por varias razóns pero sobre todo, desde o punto de vista humano, porque fan labores de control de certas pragas, como invertebrados(sobre todo insectos) ou roedores.
Por iso queremos animar a todo o que teña unha casa no campo ou que vaia a zonas naturais a que constrúa un acubillo para esta fauna. Se tes un terreo e non o utilizas polo menos anímate a poñer unha sebe no límite ou deixar unha zona de silveira ou vexetación espontánea (sempre que non sexan invasoras) que servirá de illa de biodiversidade. E si cultivas tenta non usar praguicidas, fai cultivo ecolóxico. Si tes xardín só con ter sebes, froiteiras, ou outras árbores xa os estás axudando.
Pero si queres botar outra man, podes colocarlles unha casiña ou refuxio. É algo moi común en paises como Gran Bretaña ou Irlanda, onde aparte de ter unha paisaxe e unha ordenación do territorio que xa favorece a presencia de moitas destas especies con división das fincas vexetal, con sebes, que son o hábitat de moitas e ó mesmo tempo un corredor natural de moitos quilómetros, por onde se desprazan.
Na rede tedes moitas páxinas onde tedes información e planos de distintas caixas niño. Tamén podedes compralas, pero animámosvos a facelas vos mesmos. Non é difícil. Cada caixa é distinta para cada especie, o tamaño da caixa, o do burato de entrada. Por exemplo, as caixas para aves nocturnas (avelaiona, mouchiño, curuxa) son máis grandes, pero poden axudarte a manter a raia roedores como toupiñas no teu xardín. Tes que colocar unha adecuada para que se animen a aniñar ou polo menos a usalas de refuxio.
Polo Día Mundial do Medioambiente imos guiar a 200 escolares no Bosque de Galicia, na Cidade da Cultura, a construir e instalar unhas 40 caixas e refuxios para aves, morcegos e réptiles.
Refuxio para réptiles
A idea é que despois de plantar moitas especies autóctonas e crear ese bosque, se complete o traballo «animando» á fauna a residir alí.
Os rapaces,coa nosa axuda e a dos seus profesores, xeolocalizarán cada un dos refuxios que instalen, para poder facer o seu seguimento despois. Así volverán á Cidade da Cultura ou outros rapaces ou voluntarios poden informalos polas redes sociais de si os seus refuxios están ocupados ou son usados.
http://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/acubillando-fauna-do-gaias
Neste campo ademáis de crear bo ambiente entre mozos de moi diferentes orixes, acondicionaremos varias parcelas que o concello de Coirós cedeu á Fundación Fragas do Mandeo por 50 anos, para recuperar o bosque autóctono. Así tamén melloraremos as vistas que de sempre houbo dende o mirador da Espenuca para goce de todos os veciños e visitantes.Xa o ano pasado estívose traballando alí e creouse un sendeiro despois de prantar carballos e castiñeiros, coidando os que xa estaban alí.
Se vos animades aínda estades a tempo. Sobre todo para os que non coñece esta zona. Ademáis de traballar faranse visitas a lugares de interés e actividades aproveitando todas as posibilidades que hai, e as propias de convivir con xente moi diferente.
Están cubertos aloxamento (no albergue do Centro etnográfico de Teixeiro en Curtis), manutención, transporte, os monitores e director de campo, e seguros durante os 12 días, do 20 ó 31 de Agosto.
Ten un custe de 110 €.
Coñecer e informarse. Existen moitas posiblidades, pero primeiro hai que pensar no que facemos.
Porque só temos un planeta e a seguinte xeneración vaino pasar moi mal si non facemos algo por eles. Ó fin e ó cabo son os nosos fillos, e todos somos fillos deste planeta.
Aquí deixamosvos un documental do Escarabello Verde sobre economía circular:
Ante todo somos pacifistas pero estamos na época de dar batalla contra unha invasora perigosa, a velutina.
¿QUE É A VESPA VELUTINA?
A Vespa velutina, ou avespa asiática, é unha especie invasora que chegou a Europa no ano 2004 procedente do sueste asiático. En 2005 chegou ó suroeste de Francia, pensase que en mercancías chinas importadas. En Galicia, detectouse no ano 2013, en dous focos, o Baixo Miño e A Mariña de Lugo. Hoxe están expandidas por toda a costa galega
No primeiro mapa vemos os datos de marzo de 2016 e no segundo os de Decembro de 2015. Parece que hai menos que a finais do ano pasado porque os niños no inverno destrúense.
¿QUE DEBO FACER NO CASO DE VER UN NIÑO DE VESPA VELUTINA?
Se detectas un niño, non te achegues a el a menos de 5 metros, e comunícao ao servizo de Atención e Información á Cidadanía, 012, ou no teu concello.
¿QUE EFECTOS TEN A VESPA VELUTINA?
CICLO BIOLÓXICO
Inverno: as raíñas hibernan, individualmente ou en grupos pequenos, en cavidades protexidas ( codias árbores, penas, paredes…)
Primavera: actívanse con bo tempo (marzo – xuño) e cada raíña funda un niño primario
Para os niños elixen árbores (50%), abrigos aireados (30%), muros ocos… O niño vai medrando uns 4-6 cm/semana. Ten unha soa entrada duns 1,5 cm na parte inferior ó principio, e á metade cando é vello. Está formado por unha serie de panais horizontais de papel maché, feito por avespas masticando follas (celulosa), e cuberto por 5-6 capas do mesmo material. Pode chegar a ter ata 14 panais e case un metro de lonxitude. Require cantidades importantes de follas e humidade. Por tanto preferentemente en zonas de bosque, ou próximas.
Verán: de xuño a outubro. Niños secundarios. Ata 12-15.000 individuos por colonia.
Outono: de outubro a decembro, as raíñas abandonan o niño e buscan cavidades protexidas para hibernar. O niño baléirase, morre.
DIETA
Aliméntanse de abellas (45-80% das súas capturas), arañas, bolboretas, moscas, libeliñas, eirugas; en verán -outono atráelles particularmente a froita madura.
PREDADORES NATURAIS
Só coñecemos ataques de gaios e paxaros carpinteiros a niños debilitados no outono e ataques entre distintas colonias destas avespas.
ACIÓNS A TOMAR
Primavera: colocación intensiva de trampas para capturar fundadoras.
Verán: destruír os niños avistados. Convén facelo de noite, cando toda a colonia está dentro do niño. Se quedan obreiras fóra poden construír novos niños.
Outono: captura de raíñas no momento de buscar lugar para hibernar.
¿QUÉ PODES FACER TI AGORA MESMO?
Montar unha trampa para coller ás raíñas neste momento, que están comezando a construir os niños primarios.
Para facelo tés que cortar a parte superior dunha botellla de plástico para facer unha especie de funil. Noutra botella de 1,5 litros fas un burato na zona central e incrustas a peza que preparaches antes. Na parte superior fai cuns cortes varios rectángulos de 5-6 mm de ancho. Con esa medida a maioría de insectos que non sexan as velutinas poderán escapar, pero o noso obxectivo quedará atrapado.
Preparas o líquido atraínte, mesturando:
– 1/3 litro de cervexa negra
– 1/3 de litro de viño branco
– 100 ml de zume de arandos. Se non atopas, podes usar tamén o de grosella ou algún moi doce, aínda que o de arandos parece o máis efectivo.
– unha culleriña de sal
Esta mestura da para 3 trampas.
Este líquido é bastante selectivo e entrarán mosquitos, moscas da froita pero sería moi raro que entrara algunha abella.
Pendura a botella co líquido atraínte a un metro e medio do chan, nunha árbore ou poste.
Se tes colmeas cerca non a coloques pois podes atraelas á zona. E comproba que non están caendo na trampa a nosa vespa europea a crabro. Si é así, quita a trampa. Son máis grandes que os buratos de escape e quedará atrapada.
V.crabro ( a nosa, máis grande) / V. velutina
Video explicativo elaborado polo Concello de San Sadurniño
Información oficial Consellería:
http://mediorural.xunta.gal/areas/gandaria/apicultura/vespa_velutina/
Asociación Galega de Apicultores:
http://www.apiculturagalega.es/archivos/resumo_programa_stop_velutina.pdf
A importancia dos humidais en Galicia
Os humidais son as extensións de marismas, pantanos e turbeiras ou superficies cubertas de augas, sexan estas naturais ou artificiais(lagoa de Sobrado por exemplo), permanentes ou temporais, estancadas ou correntes, doces, salobres ou salgadas, incluídas as extensións de auga mariña cunha profundidade en marea baixa non exceda de seis metros.
Galicia contempla 1.131 humidais (70.673,3 ha) repartidos de forma maioritaria entre os sectores litorais, as depresións sedimentarias interiores e as áreas de montaña sublitorais e centrais. O resto do territorio galego e en concreto as áreas montañosas orientais e meridionais presentan unha menor proporción de ecosistemas húmidos, os cales adoitan estar en áreas con características favorables ó mantemento de achegas de auga estacionais.
Hai anos tíñanse por espacios insalubres as marismas, lagoas porque tiñan mosquitos e podian transmitir algunhas enfermidades. Debido a iso algunhas recheáronse, como a lagoa de Antela. A razón foi o descoñecemento das importantes funcións que realizan, para a biodiversidade pero tamén para o home, que contrapesan claramente algún perxuicio. Por exemplo nalgunhas marismas como a do Mandeo ten presencia o mosquito tigre.
A UICN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza) considera que ademáis da súa contribución á diversidade biolóxica e ao patrimonio cultural, os humidais posúen un papel importante para os seres humanos derivado do seu implicación na recarga de acuíferos, o amortecemento de avenidas e procesos derivados das fluctuacións climáticas, así como polo feito de ser fonte de produtos directamente explotables, como as pesquerías e os recursos forestais.
Os humidais, ó almacenar a auga de precipitacións e liberala a un ritmo máis uniforme, son capaces de reducir os efectos devastadores das avenidas de auga.
A vexetación dos humidais estabiliza a liña de costa e consolida o chan porque reduce a enerxía de olas e correntes e as raíces reteñen os depósitos de sedimentos. Esta función protectora reviste unha importancia especial en zonas afectadas por subidas do nivel do mar, que se están dando consecuencia do cambio climático.
Os humidais aumentan a calidade do auga. Os sedimentos e sustancias tóxicas tenden a ser retidos no seu seo. Si ademais existe vexetación palustre, que diminúe a corrente dun río, esa capacidade de sedimentación aumenta.
Os humidais reteñen nutrintes, especialmente fósforo e nitróxeno, por acumulación no chan e almacenamento na mesma vexetación. Así impiden que os de orixe agraria cheguen a acuíferos que proporcionan auga potable para consumo humano. En determinadas condicións, esta capacidade pode utilizarse para efectuar o tratamento terciario das augas residuais domésticas: 1 hectárea de marismas pode eliminar nitróxeno coa mesma eficacia que unha planta depuradora útil para 500 habitantes.
Ademáis os humidais recargan a capa freática.
Os humedais, especialmente as turbeiras, son capaces de almacenar grandes cantidades de carbono, o cal pode reducir as emisións de dióxido de carbono á atmosfera, gas responsable do quentamento do planeta.
Si queredes profundizar máis no tema:
Inventario de humidais de Galicia
Augas subterraneas y medio ambiente en Galicia
Los humedales de Galicia como sumidero de carbono: evaluación, distribución y estado de conservación
Hai pouco máis de 15 anos inventouse un sistema chamado Sistema de Identificación Automático (AIS) que o que fai é combinar os dous aparellos que vimos antes ( no primeiro post ), unha emisora VHF e un GPS.Os barcos transmiten continuamente a antenas en terra datos como a súa posición, rumbo, velocidade, etc. foto incluida. Así podemos saber como se está movendo un barco, o que da seguridade a todos. Esta información transmítese a outros barcos e nós tamén podemos velo a través de moitas webs e aplicacións para móbiles.
Por exemplo: www.localizatodo.com ou www.vesselfinder.com (Esta última con aplicación móbil gratuita)
Imos ver o que temos agora mesmo en directo na ría e vemos iconos de cores que identifican cada barco. Cada cor ten un significado, barcos de pesca, mercantes, pasaxeiros, deportivos, etc.
Saímos agora fora das rías:
Imos ver a cantidade de tráfico que hai na Península Ibérica e en Europa:
Si vos fixades frente á costa de Galicia hai unha cousa curiosa, fixádevos como se moven os barcos, a que vos lembra? Uns suben , outros baixan…
Pois si, isto é unha autoestrada do mar. Creouse a principios dos anos 90 como consecuencia de varios naufraxios como o do Casón e a medida que a tecnoloxía foi permitíndoo e a normativa internacional o recomendaba. Anteriormente os miles de barcos que navegan cara/desde o norte de Europa pegábanse todo o que podían á costa (12 millas das augas territoriais) para aforrar combustible. Había moitos accidentes.
Hai dous carrís de subida e dous de baixada. Dous deles son exclusivos para barcos de transporte de mercancías perigosas.
E hai un señor que está no monte Enxa en Porto do Son controlando a estes barcos. E si un sae do seu carril e vai por onde non debe chámao e o avisa. E si non obedece pode mandar á Guardia Civil 🙂
Chámase Dispositivo de Tráfico Marítimo de Fisterra: a 45 millas- 84 km está o punto máis alonxado de terra e ó alcance dos helicópteros de rescate con base en A Coruña, Vigo e Celeiro.
Hai moitas máis autoestradas do mar nos puntos de máis tráfico do planeta,¿ como por exemplo?
Si, o estreito de Xibraltar, Canal da Mancha,etc.
¿Que pasaría con estes miles de barcos que pasan a diario si a tecnoloxía non permitira estas autoestradas? Sería un caos, non?
Isto inflúe nas vosas vidas máis do que pensades. Póñovos un exemplo:
¿gústavos a piña? Pois cando eu era neno só comiamos piña en Nadal e era de bote. A piña fresca era cara e non estaba sempre dispoñible. Unha das razóns é que o tráfico marítimo era máis lento. Si hoxe tarda dúas semanas en chegar desde Sudamérica (www.searates.com) daquela podía tardar un mes ou máis.
Isto que vedes aquí é a globalización, as rutas marítimas que levan os produtos dun lugar a outro do planeta:
A maioría das cousas que comprades, electrónica, alimentación, roupa, é tan barata e está dispoñible entre outras cousas porque a tecnoloxía permite que o tráfico marítimo sexa máis rápido e barato, pois os barcos poden navegar con máis seguridade e hai unha flota comercial moito maior que hai uns anos.
Este final de ano foi moi movido para Ribeirán Proxectos Naturais. Nestes dous últimos meses ademáis de preparar novos proxectos para o ano que ven fixemos todo isto:
-Impartimos o noso obradoiro de máis éxito » Elaboración de produtos naturais de hixiene e limpeza» en:
Ultraalimento Lalín
https://www.facebook.com/Ultra-_Alimento-626270214092602
Terra ecolóxica A Coruña
https://www.facebook.com/TERRAECOLOXICA/
Asociación Sociocultural O Cachón de Teo
-Impartimos o Curso de voluntariado centrado en incendios e invasoras, en Santiso
-Realizamos a saída de prácticas en Medio Ambiente dun curso de monitor de tempo libre , con ruta interpretativa ó Monte Pedroso.
-Coordinamos o Voluntariado ambiental no Parque Natural das Fragas do Eume do 4-11 Decembro
http://www.xunta.es/notas-de-prensa/-/nova/4885/parque-natural-das-fragas-eume-sumase-por-primeira-vez-programa-voluntariado
Sacos de lixo recollidos no encoro do Eume e algúns dos sacos de Tradescantia fluminensis eliminada no Parque
A visita das directoras xerais
-Realizamos o obradoiro de xabóns navideños en Nadal sobre rodas en Santiago de Compostela durante as fins de semana de Decembro.
http://www.santiagodecompostela.org/imxd/noticias/doc/1448885991cartel_programaok.jpg
-Obradoiro de horta urbana no Mercado da Estrela, 12-13 Decembro en Santiago de Compostela
Unha visión xeral da praza onde impartiamos o obradoiro
E seguiremos durante o 2016! Feliz ano a todos.
Este verán un de nós, Fran, estivo facendo divulgación científica para o Campus do Mar nunha actividade que leva anos facéndose por vilas e cidades da costa galega, organizada pola Asociación de Oceanógrafos de Galicia. É «Mergúllate no Océano». Encargouse dun dos obradoiros co tema «As tecnoloxías de comunicación no mar». A continuación reproducimos aproximadamente o guión que creou para explicar este interesante tema a persoas de moi diferentes idades e procedencias. Obviamente falta a interacción coa xente, que é o máis interesante da divulgación:
Que é isto? Vós chamariadelo walki-talki, verdade?
Pero este non é como a da policía, os bombeiros…. É un VHF mariño, funciona noutras frecuencias. Este flota, e ademáis podes falar con el na ducha porque non se estropea coa auga. Sigue funcionando. Úsase normalmente desde cuberta para as maniobras, no mar ou nos portos. E é o mínimo que debe levar calquer barquiño pequeno aquí na ría por seguridade. Alcanza uns poucos quilómetros.
Esta é a irmán maior, unha emisora VHF. Vai na ponte e úsaa o patrón. Normalmente para falar de fútbol, cos compañeiros que están cerca :-). Porque o VHF alcanza, dependendo da altura da antena e a potencia da emisora, pouco máis de 50 km. O que impide un maior alcance é a curvatura da terra.
O máis importante dela é este botón vermello, que pon DISTRESS
Para que servirá? É algo que ninguén me pregunta.
Vermello = peligro, emerxencias