As ACCIÓNS VOLUNTARIAS realizadas polos participantes foron as seguintes:
Actividade de formación
Os voluntarios reciben unha pequena formación teórica que se completa cunha formación práctica no monte durante toda a semana.
Algúns dos contidos foron a identificación dos distintos tipos de fumes, tetraedro do lume, morfoloxía dun incendio, medidas preventivas e de autoprotección ante un incendio forestal…Cómo situar este fume e como dar un aviso correctamente aos servizos de medio rural
Orientación con cartografía para poder situar un lume, cómo ler un mapa topográfico, cómo utilizar un compás…
Unha xornada, despois desta formación, visitamos a zona queimada despois dun incendio situado entre os concellos de Sobrado dos Monxes e Toques.
Vixilancia estática
O dispositivo realiza vixilancia estática dende puntos estratéxicos da zona de influencia. Asesorados polo distrito forestal, inténtase cubrir as zonas de sombra das casetas forestais presentes na zona. Utilizando prismáticos e cartografía fanse exercicios de orientación para que os voluntarios completen a formación teórica impartida a primeira xornada.
Con estas prácticas preténdese que se familiaricen coa zona a cubrir e identifiquen, dende distintas posicións xeográficas, os accidentes xeográficos e núcleos de poboación máis representativos da comarca. Para que, no caso de que apareza un lume, poidan dar o aviso coa maior exactitude posible.
Vixilancia disuasoria
Despois de ter unha xuntanza cos axentes forestais do distrito nos informan sobre as zonas onde hai maior incidencia de lumes historicamente. Aproveitando rutas de sendeirismo xa establecidas e outras deseñadas por nós, intentamos amosar a nosa presenza por ditas zonas para obter un efecto disuasorio. Pretendemos interaccionar coa poboación local para informar da nosa labor e das diferentes limitacións sobre o uso de lume na tempada estival.
Visita a paraxes naturais con interese natural e paisaxístico
Esta acción voluntaria pódese encadrar coa anterior. As rutas escollidas dependen de varios factores como: a capacidade física dos voluntarios, as condicións meteorolóxicas, o IRDI (Índice de Risco Diario de Incendio) e as directrices marcadas polo distrito forestal. Pretendemos amosar paraxes naturais con importancia ecolóxica e paisaxística a conservar
Eliminación de vertedoiros incontrolados
Os vertedoiros incontrolados do monte, que poden actuar como puntos de inicio ou acelerantes de incendios forestais.
Estudo do estado de conservación dun tramo do río Mandeo
No tramo comprendido entre a Ponte Marzá e a Ponte Mandeo,no concello de Curtis, estivemos facendo prácticas para a caracterización dun tramo de río. Ademais de acondicionar o camiño que había pola marxe dereita, realizouse un inventario de especie observadas, prestando máis atención ás que actúan como bioindicadoras do estado de conservación do río.
Visita a centros de formación e investigación agraria e forestal
O CIAM é o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, que depende da Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais da Consellería do Medio Rural e do Mar.
Realiza diferentes estudos de investigacións para a súa posterior aplicación nos sectores agrario, gandeiro e alimentario.
En varias semanas diferentes visitamos o “Marco da Curra”, estación experimental de gandería de montaña. Consta dunha parcela de 180 ha de superficie, situada no concello de Monfero, onde se desenvolven investigacións con gando equino, vacún, ovino e caprino.
O responsable amósanos as instalacións e fainos unha breve exposición das liñas de investigación relacionadas coa selección xenética dos diferentes tipos de gando, tratamentos de silvicultura na prevención de incendios forestais mediante a utilización de gando, métodos de prevención contra os ataques do lobo, selección de carne de cabalo para consumo humano…
Colaboración con outras entidades locais con voluntariado ambiental
O dispositivo colabora con Fragas do Mandeo, entidade de custodia do territorio que ten como principal obxectivo a preservación da biodiversidade autóctona na Reserva da Biosfera “Mariñas Coruñesas e Fragas do Mandeo”.
En todas as quendas adicamos unha acción voluntaria á eliminación de Crocosmia x crocosmiiflora, planta exótica invasora que esta a colonizar as marxes do río Mandeo. Actuamos nas dúas marxes, na zona comprendida entre a Área Recreativa de Chelo (Coirós) e a ponte da parroquia de Teixeiro (Irixoa).
Nos traballos de erradicación, logo de arrincala, sepárase a parte vexetativa dos bulbos, que se levan a un punto limpo para a súa incineración. Nas catro accións voluntarias desenvolvidas retiráronse 27 Kg de bulbos.
Outra actividade realizada cada semana consistiu en amorear restos vexetais de pequeno porte (polas, codias…), resultantes da tala de eucaliptos na parcela “Dos Vellos” no concello de Coirós. Fragas do Mandeo está acondicionando esta parcela para plantar especies de árbores autóctonas frondosas caducifolias, sobre todo castiñeiros de froita micorrizados con Boletus edulis.
O Concello de Coirós cedeulle a Fragas do Mandeo a xestión, por 50 anos, dunha das súas parcelas situadas no monte da Espenuca. Despois de cortalos eucaliptos e triturar os restos vexetais resultantes, o dispositivo colaborou limpando de refugallos tanto os camiños existentes como os de nova formación.
Ademais puxéronse os titores para os 150 carballos que se ían plantar en futuras xornadas de voluntariado convocadas por esta Fundación.
Estas accións voluntarias contribúen na transformación dunhas parcelas potencialmente incendiables nunhas zonas de alto valor ecolóxico e forestal, que servirán de cortalumes verde no caso de incendio forestal
Con esta actividades pretendemos poñer en contacto diferentes dispositivos de voluntariado ambiental existentes na comarca. Así, os participantes, descobren e poden colaborar con outras iniciativas de protección do entorno que traballan con voluntariado ambiental.
Visita a centros e monumentos etnográficos
Realizamos varias visitas ao Centro Etnográfico do Mandeo, situado no concello de Curtis na vila de Teixeiro. O responsable fainos unha visita guiado polo centro onde nos amosa a historia, as tradicións, as festas populares,e os recursos naturais, arquitectónicos e etnográficos da comarca do Mandeo.
Apoio loxístico ao distrito forestal
Afortunadamente, durante a duración do programa, non tivemos ningunha situación de crise por incendio forestal.
No caso de habela, o dispositivo de voluntariado poñeríase a disposición do distrito forestal para:
Unha xornada de choiva fixemos unha visita á Base da Unidade Helitransportada de Castromaior pertencente ao Distrito Forestal II Bergantiños – As Mariñas Coruñesas
Concertamos co Xefe de Distrito unha visita a esta unidade para que nos amosaran as instalacións e que nos fixeran unha exposición das súas funcións en caso de incendio.
Atendeunos un axente forestal que falounos sobre as peculiaridades loxísticas e de infraestruturas que suceden na dirección de extinción de lumes. Tamén nos explicou como actúa a unidade helitransportada en caso de incendio, mostrounos o helicóptero por dentro e os protocolos de actuación que se despregaban cando estaba en funcionamento.
Dende Ribeirán Proxectos Naturais queremos agradecer aos voluntarios o seu traballo altruísta, solidario e desinteresado, ao persoal do distrito forestal e da base base da Unidade Helitransportada de Castromaior polo seu tempo dedicado a amosarnos as peculiaridades das infraestruturas, xestión e coordinación da extinción de incendios forestais. Agradecer á Fragas do Mandeo a súa inesgotable dedicación á recuperación e conservación do monte autóctono galego e á súa loita contra o gran problema das especies exóticas invasoras; ao persoal do Marco da Curra por deixarnos visitar as súas instalacións e ao persoal do Centro Etnográfico do Mandeo por facer máis cómoda a nosa estancia nas súas instalacións.