Voluntariado ambiental na illa de Ons. Maio´15

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado en colaboración coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza, puxo en marcha a 3ª Edición do Programa de Voluntariado Ambiental no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Ribeirán Proxectos Naturais estivo coordinando, ao longo do mes de maio, catro quendas de voluntarios na Illa de Ons. Dentro das nosas competencias estaban:

  • Contactar cos voluntarios con hábitos e requirimentos alimenticios especiais como diabéticos, vexetarianos, celíacos.
  • Mercar o avituallamento necesario para a estancia na illa e desenvolvemento das actividades: comida, botiquín, protección solar…
  • Recepción dos voluntarios no peirao de Cangas e saída ao horario previamente coordinado co persoal do Parque.
  • Reparto de material persoal e compromisos de incorporación aos participantes.
  • Coordinación e elaboración das comidas dos voluntarios.
  • Coordinación dos voluntarios nas actividades de campo.
  • Xestión do material cedido polo Parque para as realización das actividades.
  • Xestión e limpeza das instalacións.
  • Contidos e desenvolvemento da educación ambiental recibida polos voluntarios.
  • Recollida de material gráfico das actividades.
  • Elaboración de informe final.

 

As  ACCIÓNS VOLUNTARIAS realizadas polos participantes foron as seguintes:

Ruta de recoñecemento da Illa

O primeiro día faise unha ruta guiada para que os voluntarios coñezan e se familiaricen xeograficamente coa illa, así como coas peculiaridades sociolóxicas e loxísticas que ten vivir nun Parque Nacional e ademais nunha illa.

Aproveitando o percorrido móstranse fauna e flora, prestando especial atención ás especies endémicas da illa.

Hai dúas variantes:

Primeira. 13 Km.  Percorremos a ruta sur e parte da norte do Parque, amosándolles os sitios máis emblemáticos da Illa:

  • Praias de Area dos cans e Canexol
  • Laxe do Crego
  • Castro
  • Miradoiro de Fedorentos
  • Enseada de Caniveliñas
  • Buraco do inferno
  • O Faro
  • Praia de Melide
  • Punta do Castelo
  • Praia das dornas

Segunda.11 Km. Percorremos a ruta norte e parte da sur do Parque:

  • Praia de Melide
  • Punta do Centolo
  • Punta Xubenco
  • Fonte do Gaiteiro
  • Miradoiro de Liñeiros
  • O Faro
  • Ensinada de Caniveliñas
  • Camping

 

O resto da illa que queda sen visitar nesta ruta cubrímola nos tempos libres ou despois de facer as accións voluntarias ao longo dos días que dura o programa

 

Ruta surRuta norte

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

DSC_6444

 

IMG_0492

 

Eliminación de Crocosmia x crocosmiiflora 

A zona do antigo lavadoiro, situado na zona de Canexol, foi elixida para a recuperación das poboacións de  anfibios da Illa de Ons. Máis concretamente para a recuperación poboacional do Sapo raxado, Dicoglossus galganoi, (“sapillo pintojo ibérico” en castelán). A ausencia de deterxentes, debido ao abandono deste lavadoiro, favorece a calidade das augas para que esta especie peche o seu ciclo vital nesta charca artificial.

Nesta zona durante anos depositáronse restos de xardinería. As plantas invasoras tapizaron a superficie ocupada pola gran cantidade  de lixo acumulado.

Retirouse toda clase de refugallos dende botellas de vidro, calzado, pilas e ata redes de pescar.

A Crocosmia x crocosmiiflora  colonizou gran parte deste lugar diminuíndo considerablemente a biodiversidade local, impedindo o desenvolvendo dunha flora que favoreza o asentamento do Sapo raxado

Introducida como ornamental, o seu uso en xardinaría está moi estendido. Aparece en medios alterados nitrófilos, próximos a zonas habitadas, estendéndose por unha mala xestión dos restos de xardinería. Tamén está presente en fragas de ribeira, ameneirais e salgueirais. Aproveitando os cursos de auga para expandirse a través dos seus bulbos.

Utilizáronse sachos para escavar a terra e así eliminar tanto a parte aérea como a parte subterránea da planta. Cada exemplar produce un rosario ou masa de bulbos que pode chegar a acadar un tamaño considerable. As partes aéreas  e os bulbos métense en bolsas de lixo, pechados con bridas para evitar posibles contaminacións posteriores.

DSC_6765

DSC_6819

DSC_6951

 

 

Eliminación de Arctotheca calendula ou margarida africana.

Planta herbácea procedente de Sudáfrica introducida con uso ornamental e con un gran potencial invasor mediante a propagación do seu banco de sementes polo vento ou por animais.

Aparece en zonas alteradas costeiras e zonas dunares. O uso intensivo dos areais costeiros favorece a expansión da especie, afectando directamente a varias especies raras ou ameazadas das dunas galegas por competencia de espazo físico e alteración do medio.

A eliminación realízase arrincándoa de forma  manual e/ou con axuda dun pequeno sacho. As plantas arrincadas métense en bolsas de lixo, para evitar a fecundación posterior e dispersión da semente madura.

Concluíndo co Garda Xefe da Illa, podemos afirmar que o estado desta especie invasora está controlado. Apréciase unha diminución considerable da masa vexetativa dende a primeira actuación, fai agora tres anos.

 

DSC_6459

DSCN8903

DSC_6451

 

Avistamento de cetáceos

Esta actividade lévase a cabo no “Miradoiro de Fedorentos” e “No Buraco do Inferno”. Os participantes reciben unha explicación sobre os diferentes tipos de cetáceos presentes nas nosas costas, bioloxía dos mamíferos mariños, comportamentos sociais, varamentos, estado  de  conservación e protección actual…

Os voluntarios utilizan prismáticos e un telescopio do Parque apoiados por material gráfico aportado polo Parque.

DSC_6902

 

Recollida de lixo nas praias

 

Debido aos temporais do pasado inverno, as praias da illa presentaban unha cantidade importante de refugallos procedentes tanto da acción humana tanto en terra como no mar. Os voluntarios recollen lixo, principalmente obxectos de plástico, de diferentes praias da illa introducíndoos en bolsas de lixo, que son depositadas nos camiños ata onde poden chegar os gardas cun remolque e transportalas ata o peirao, para posteriormente envialas a terra.

As praias onde se actúa son:

  • Praia de Area dos cans
  • Praia de Canexol
  • Praia do Pereiró
  • Praia de Liñeiros
  • Praia da Cova da Vella
  • Praia de Estripeiral
  • Praia e dunas de Melide

 

DSC_6484

DSC_6498

DSC_6629

 

Eliminación de Canna indica

Tamén coñecida como Caña de las Indias, Platanillo de Cuba, procedente de Centroamérica é introducida con fins ornamentais destacando pola vistosidade das súas flores es follas. Na illa aparece formando rodais máis ou menos importantes en canto á súa superficie de cobertura

Seguindo as directrices marcadas polo Garda Xefe procedeuse á eliminación desta especie  na parcela de experimentación escollida para tal fin. Esta parcela está situada na zona de Canexol, ao lado do lavadoiro en uso (preto do antigo lavadoiro)

A parcela fora, previamente, desbrozada mecanicamente. Utilizando sachos cavamos toda a terra para quitar a  maior cantidade de  tubérculos posible. Esta acción voluntaria fixémola en dúas quendas sucesivas debido a que xa había rebrotes a semana seguinte da primeira actuación. As plantas arrincadas e os tubérculos métense en bolsas de lixo, pechados con bridas para evitar posibles contaminacións posteriores.

 

DSC_6600

DSC_6647

DSC_6642

 

DSC_6651

Visita ao Faro

Grazas a boa predisposición dos fareiros, visitamos o faro no momento do seu acendido. Recibimos unha explicación das peculiaridades específicas do faro ao longo dunha ruta guiada, rematando no museo privado do faro, que presenta un aceso restrinxido ao público en xeral.

DSC_6697

DSC_6699

Dende Ribeirán Proxectos Naturais queremos dar o noso máis sincero agradecemento aos voluntarios  polo seu traballo altruísta, solidario e desinteresado. Ao persoal do Parque Nacional pola atención e trato recibidos. Aos fareiros por amosarnos un dos faros mellor conservados da nosa xeografía.  Aos veciños de Ons por recibirnos sempre cun xesto amable e familiar, con especial atención a Vitoria e Cesáreo, sempre tan amables e xenerosos. Á illa de Ons por amosarnos que os lugares paradisíacos non soamente existen noutras latitudes e que non fai falla moitos recursos materiais para chegar a ser feliz.

 

Calendario
junio 2023
L M X J V S D
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930