Caixa niño no Bosque de Galicia
En Galicia coa perda da paisaxe tradicional moitas especies teñen os seus hábitats naturais moi reducidos. Os campos de cultivo reduciron moito a súa extensión, igual que os bosques e fragas coa expansión do eucalipto.
Ocorre con pequenos paxaros propios das zonas de hortas, froiteiras e cultivos, pero tamén con aves nocturnas como curuxas ou mouchos que precisan casas vellas abandonadas, galpóns ou refuxios naturais como ocos nas árbores. Pero estas «casas» tradicionais para elas xa apenas existen, pois por exemplo un carballo para ter ocos que podan usar teñen que ter máis de 100 anos e quedan moi poucas fragas maduras con esa antigüidade.
Cos morcegos pasa outro tanto, cada vez teñen menos refuxios naturais ou construcións humanas que lles sirvan para aniñar e refuxiarse.
Caixa refuxio para morcegos
Todas estas especies son moi importantes por varias razóns pero sobre todo, desde o punto de vista humano, porque fan labores de control de certas pragas, como invertebrados(sobre todo insectos) ou roedores.
Por iso queremos animar a todo o que teña unha casa no campo ou que vaia a zonas naturais a que constrúa un acubillo para esta fauna. Se tes un terreo e non o utilizas polo menos anímate a poñer unha sebe no límite ou deixar unha zona de silveira ou vexetación espontánea (sempre que non sexan invasoras) que servirá de illa de biodiversidade. E si cultivas tenta non usar praguicidas, fai cultivo ecolóxico. Si tes xardín só con ter sebes, froiteiras, ou outras árbores xa os estás axudando.
Pero si queres botar outra man, podes colocarlles unha casiña ou refuxio. É algo moi común en paises como Gran Bretaña ou Irlanda, onde aparte de ter unha paisaxe e unha ordenación do territorio que xa favorece a presencia de moitas destas especies con división das fincas vexetal, con sebes, que son o hábitat de moitas e ó mesmo tempo un corredor natural de moitos quilómetros, por onde se desprazan.
Na rede tedes moitas páxinas onde tedes información e planos de distintas caixas niño. Tamén podedes compralas, pero animámosvos a facelas vos mesmos. Non é difícil. Cada caixa é distinta para cada especie, o tamaño da caixa, o do burato de entrada. Por exemplo, as caixas para aves nocturnas (avelaiona, mouchiño, curuxa) son máis grandes, pero poden axudarte a manter a raia roedores como toupiñas no teu xardín. Tes que colocar unha adecuada para que se animen a aniñar ou polo menos a usalas de refuxio.
Polo Día Mundial do Medioambiente imos guiar a 200 escolares no Bosque de Galicia, na Cidade da Cultura, a construir e instalar unhas 40 caixas e refuxios para aves, morcegos e réptiles.
Refuxio para réptiles
A idea é que despois de plantar moitas especies autóctonas e crear ese bosque, se complete o traballo «animando» á fauna a residir alí.
Os rapaces,coa nosa axuda e a dos seus profesores, xeolocalizarán cada un dos refuxios que instalen, para poder facer o seu seguimento despois. Así volverán á Cidade da Cultura ou outros rapaces ou voluntarios poden informalos polas redes sociais de si os seus refuxios están ocupados ou son usados.
http://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/acubillando-fauna-do-gaias
Coñecer e informarse. Existen moitas posiblidades, pero primeiro hai que pensar no que facemos.
Porque só temos un planeta e a seguinte xeneración vaino pasar moi mal si non facemos algo por eles. Ó fin e ó cabo son os nosos fillos, e todos somos fillos deste planeta.
Aquí deixamosvos un documental do Escarabello Verde sobre economía circular:
Ante todo somos pacifistas pero estamos na época de dar batalla contra unha invasora perigosa, a velutina.
¿QUE É A VESPA VELUTINA?
A Vespa velutina, ou avespa asiática, é unha especie invasora que chegou a Europa no ano 2004 procedente do sueste asiático. En 2005 chegou ó suroeste de Francia, pensase que en mercancías chinas importadas. En Galicia, detectouse no ano 2013, en dous focos, o Baixo Miño e A Mariña de Lugo. Hoxe están expandidas por toda a costa galega
No primeiro mapa vemos os datos de marzo de 2016 e no segundo os de Decembro de 2015. Parece que hai menos que a finais do ano pasado porque os niños no inverno destrúense.
¿QUE DEBO FACER NO CASO DE VER UN NIÑO DE VESPA VELUTINA?
Se detectas un niño, non te achegues a el a menos de 5 metros, e comunícao ao servizo de Atención e Información á Cidadanía, 012, ou no teu concello.
¿QUE EFECTOS TEN A VESPA VELUTINA?
CICLO BIOLÓXICO
Inverno: as raíñas hibernan, individualmente ou en grupos pequenos, en cavidades protexidas ( codias árbores, penas, paredes…)
Primavera: actívanse con bo tempo (marzo – xuño) e cada raíña funda un niño primario
Para os niños elixen árbores (50%), abrigos aireados (30%), muros ocos… O niño vai medrando uns 4-6 cm/semana. Ten unha soa entrada duns 1,5 cm na parte inferior ó principio, e á metade cando é vello. Está formado por unha serie de panais horizontais de papel maché, feito por avespas masticando follas (celulosa), e cuberto por 5-6 capas do mesmo material. Pode chegar a ter ata 14 panais e case un metro de lonxitude. Require cantidades importantes de follas e humidade. Por tanto preferentemente en zonas de bosque, ou próximas.
Verán: de xuño a outubro. Niños secundarios. Ata 12-15.000 individuos por colonia.
Outono: de outubro a decembro, as raíñas abandonan o niño e buscan cavidades protexidas para hibernar. O niño baléirase, morre.
DIETA
Aliméntanse de abellas (45-80% das súas capturas), arañas, bolboretas, moscas, libeliñas, eirugas; en verán -outono atráelles particularmente a froita madura.
PREDADORES NATURAIS
Só coñecemos ataques de gaios e paxaros carpinteiros a niños debilitados no outono e ataques entre distintas colonias destas avespas.
ACIÓNS A TOMAR
Primavera: colocación intensiva de trampas para capturar fundadoras.
Verán: destruír os niños avistados. Convén facelo de noite, cando toda a colonia está dentro do niño. Se quedan obreiras fóra poden construír novos niños.
Outono: captura de raíñas no momento de buscar lugar para hibernar.
¿QUÉ PODES FACER TI AGORA MESMO?
Montar unha trampa para coller ás raíñas neste momento, que están comezando a construir os niños primarios.
Para facelo tés que cortar a parte superior dunha botellla de plástico para facer unha especie de funil. Noutra botella de 1,5 litros fas un burato na zona central e incrustas a peza que preparaches antes. Na parte superior fai cuns cortes varios rectángulos de 5-6 mm de ancho. Con esa medida a maioría de insectos que non sexan as velutinas poderán escapar, pero o noso obxectivo quedará atrapado.
Preparas o líquido atraínte, mesturando:
– 1/3 litro de cervexa negra
– 1/3 de litro de viño branco
– 100 ml de zume de arandos. Se non atopas, podes usar tamén o de grosella ou algún moi doce, aínda que o de arandos parece o máis efectivo.
– unha culleriña de sal
Esta mestura da para 3 trampas.
Este líquido é bastante selectivo e entrarán mosquitos, moscas da froita pero sería moi raro que entrara algunha abella.
Pendura a botella co líquido atraínte a un metro e medio do chan, nunha árbore ou poste.
Se tes colmeas cerca non a coloques pois podes atraelas á zona. E comproba que non están caendo na trampa a nosa vespa europea a crabro. Si é así, quita a trampa. Son máis grandes que os buratos de escape e quedará atrapada.
V.crabro ( a nosa, máis grande) / V. velutina
Video explicativo elaborado polo Concello de San Sadurniño
Información oficial Consellería:
http://mediorural.xunta.gal/areas/gandaria/apicultura/vespa_velutina/
Asociación Galega de Apicultores:
http://www.apiculturagalega.es/archivos/resumo_programa_stop_velutina.pdf
Hai pouco máis de 15 anos inventouse un sistema chamado Sistema de Identificación Automático (AIS) que o que fai é combinar os dous aparellos que vimos antes ( no primeiro post ), unha emisora VHF e un GPS.Os barcos transmiten continuamente a antenas en terra datos como a súa posición, rumbo, velocidade, etc. foto incluida. Así podemos saber como se está movendo un barco, o que da seguridade a todos. Esta información transmítese a outros barcos e nós tamén podemos velo a través de moitas webs e aplicacións para móbiles.
Por exemplo: www.localizatodo.com ou www.vesselfinder.com (Esta última con aplicación móbil gratuita)
Imos ver o que temos agora mesmo en directo na ría e vemos iconos de cores que identifican cada barco. Cada cor ten un significado, barcos de pesca, mercantes, pasaxeiros, deportivos, etc.
Saímos agora fora das rías:
Imos ver a cantidade de tráfico que hai na Península Ibérica e en Europa:
Si vos fixades frente á costa de Galicia hai unha cousa curiosa, fixádevos como se moven os barcos, a que vos lembra? Uns suben , outros baixan…
Pois si, isto é unha autoestrada do mar. Creouse a principios dos anos 90 como consecuencia de varios naufraxios como o do Casón e a medida que a tecnoloxía foi permitíndoo e a normativa internacional o recomendaba. Anteriormente os miles de barcos que navegan cara/desde o norte de Europa pegábanse todo o que podían á costa (12 millas das augas territoriais) para aforrar combustible. Había moitos accidentes.
Hai dous carrís de subida e dous de baixada. Dous deles son exclusivos para barcos de transporte de mercancías perigosas.
E hai un señor que está no monte Enxa en Porto do Son controlando a estes barcos. E si un sae do seu carril e vai por onde non debe chámao e o avisa. E si non obedece pode mandar á Guardia Civil 🙂
Chámase Dispositivo de Tráfico Marítimo de Fisterra: a 45 millas- 84 km está o punto máis alonxado de terra e ó alcance dos helicópteros de rescate con base en A Coruña, Vigo e Celeiro.
Hai moitas máis autoestradas do mar nos puntos de máis tráfico do planeta,¿ como por exemplo?
Si, o estreito de Xibraltar, Canal da Mancha,etc.
¿Que pasaría con estes miles de barcos que pasan a diario si a tecnoloxía non permitira estas autoestradas? Sería un caos, non?
Isto inflúe nas vosas vidas máis do que pensades. Póñovos un exemplo:
¿gústavos a piña? Pois cando eu era neno só comiamos piña en Nadal e era de bote. A piña fresca era cara e non estaba sempre dispoñible. Unha das razóns é que o tráfico marítimo era máis lento. Si hoxe tarda dúas semanas en chegar desde Sudamérica (www.searates.com) daquela podía tardar un mes ou máis.
Isto que vedes aquí é a globalización, as rutas marítimas que levan os produtos dun lugar a outro do planeta:
A maioría das cousas que comprades, electrónica, alimentación, roupa, é tan barata e está dispoñible entre outras cousas porque a tecnoloxía permite que o tráfico marítimo sexa máis rápido e barato, pois os barcos poden navegar con máis seguridade e hai unha flota comercial moito maior que hai uns anos.