O dia mundial do medio ambiente celébrase o día 5 de xuño. Este ano tivo como tema “O comercio ilícito de fauna e flora”, prácticas que poñen en perigo os ecosistema e a biodiversidade dos lugares onde son introducidos como especies exóticas.
As compañeiras de
Correveydile puxéronse en contacto con Ribeirán para coordinar unha actividade que conmemorara esta celebración na Cidade da Cultura, concretamente no Bosque de Galicia.O ano pasado fíxose unha plantación de especies frondosas caducifolias, nun proceso de reforestación do Monte Gaiás. Para seguir na liña de renaturalización deste espazo, o obradoiro escollido foi o de
Acubillando fauna no Gaiás no que se realizaba unha construción e colocación de caixas niño para paxaros, refuxios de morcegos e de réptiles.
Na zona existen tres pozas de auga estancada onde se dan as condicións idóneas para a proliferación de mosquitos e demais insectos, que poden ser molestos, tanto para o persoal da Cidade da Cultura como para os seus visitantes. Igual pasa coa poboación de roedores existentes na zona, que pode verse favorecida polo acondicionamento do Bosque de Galicia.

Coa colocación de estas estruturas preténdese fomentar o asentamento de este tipo de “fauna amiga” que exerza o control biolóxico natural das poboacións de insectos e roedores actuais ou futuras, asentadas na zona.Realizáronse catro edicións do obradoiro. Os participantes foron 200 escolares de 1º,2º e 3º de primaria de diferentes colexios de Santiago de Compostela e o lugar escollido para o desenvolvemento do obradoiro foi o Parque da Balea, situado na parte norte da Cidade da Cultura.
Despois dunha introdución á bioloxía, fisioloxía e ecoloxía das poboacións diana das caixas niño e refuxios, os escolares montaron as caixas previamente preparadas por nós. Mediante un sistema de machembrado, para que non utilizaran ferramentas cortantes, coa nosa axuda, á das compañeiras de Correveydile e os mestres acompañantes, os rapaces ensamblaron facilmente os tres tipos de estruturas.
Unha vez montadas as caixas e refuxios, dirixímonos a colocalas no Bosque de Galicia. Escollemos catro zonas, unha para cada grupo. Os criterios para a súa selección foron os de proximidade á zona de montaxe, a altitude das árbores e o acceso ao lugar.

As caixas niño e os refuxios dos morcegos foron colocadas por nós para evitar caídas dos rapaces, mentres que os refuxios de réptiles foron colocadas moi animosamente polos participantes. No momento da colocación se lles explicou cal era a mellor orientación para a recepción da maior cantidade de horas de sol e a protección dos ventos dominates durante as borrascas.

Cada unha das estruturas foi xeorreferenciada mediante a anotación por parte dos cativos das coordenadas xeográficas nunha folla persoal. Desta forma poden volver o ano que ven, localizar a caixa colocada por eles mesmos e comprobar se está ocupada.



Queremos agradecer aos compañeiros de Sorex, Ecoloxía e Medio Ambiente o seu asesoramento sobre ecoloxía dos morcegos,e a construción e colocación dos seus refuxios.