O pasado domingo 25 de outubro estivemos como voluntarios na derradeira xornada de erradicación planta exótica invasora, Crocosmia x crocosmiiflora no lugar de Chelo (Coirós). Foi o segundo ano que colaboramos nesta labor coordinada por Fragas do Mandeo. Este ano comezouse cos voluntarios do dispositivo de voluntariado ambiental que coordinamos para a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Empezouse dende a ponte de Teixeiro, situada no límite exterior da área de distribución, e repasamos as dúas marxes do río en dirección augas arriba. Esta forma de actuar é para que, aínda que non se erradiquen todos os individuos, se deteña o avance da súa colonización.
Despois de que os voluntarios da Dirección Xeral remataran a súa participación nesta labor, Fragas do Mandeo organizou varias xornadas de voluntariado para erradicar por completo as partes vexetativas e maior cantidade posible de tubérculos soterrados desta especie.
Podemos dicir que este ano logrouse o obxectivo marcado arrincándose 167 quilos de tubérculos (levados a un punto limpo para a súa incineración) previamente separados da parte vexetativa da planta (destinada a compostar).
Lembrar que os traballos de erradicación de especies invasoras deben repetirse varios anos consecutivos para erradicar (se non se pode, estabilizar) a súas poboacións, que tanto mal fan desequilibrando os ecosistemas locais. Neste caso en particular, é moi difícil retirar tódolos tubérculos polo que son necesarias intervencións en anos sucesivos.
Para rematar a xornada visitamos a parcela da Espenuca para ver a súa situación despois das derradeiras actuacións desenvolvidas.
Aquí tamén estivemos colaborando con voluntarios da Dirección Xeral.
Comprobamos que despois da plantación de 145 carballos cos seus respectivos protectores, arranxáronse os camiños, puxéronse bancos, tutorizáronse, mediante ventos, carballos xa existentes previamente á tala de eucaliptos…
Fernando comentounos que agora a empresa madereira vai controlar os rebrotes dos eucaliptos, pero soamente unha vez, polo que xa nos emprazou para ás futuras xornadas de voluntariado destinadas finalizar esta labor.
Teremos que estar atentos e preparados!!!!
Avisarémosvos mediante o noso Facebook!!!