Neste campo ademáis de crear bo ambiente entre mozos de moi diferentes orixes, acondicionaremos varias parcelas que o concello de Coirós cedeu á Fundación Fragas do Mandeo por 50 anos, para recuperar o bosque autóctono. Así tamén melloraremos as vistas que de sempre houbo dende o mirador da Espenuca para goce de todos os veciños e visitantes.Xa o ano pasado estívose traballando alí e creouse un sendeiro despois de prantar carballos e castiñeiros, coidando os que xa estaban alí.
Se vos animades aínda estades a tempo. Sobre todo para os que non coñece esta zona. Ademáis de traballar faranse visitas a lugares de interés e actividades aproveitando todas as posibilidades que hai, e as propias de convivir con xente moi diferente.
Están cubertos aloxamento (no albergue do Centro etnográfico de Teixeiro en Curtis), manutención, transporte, os monitores e director de campo, e seguros durante os 12 días, do 20 ó 31 de Agosto.
Ten un custe de 110 €.
Ante todo somos pacifistas pero estamos na época de dar batalla contra unha invasora perigosa, a velutina.
¿QUE É A VESPA VELUTINA?
A Vespa velutina, ou avespa asiática, é unha especie invasora que chegou a Europa no ano 2004 procedente do sueste asiático. En 2005 chegou ó suroeste de Francia, pensase que en mercancías chinas importadas. En Galicia, detectouse no ano 2013, en dous focos, o Baixo Miño e A Mariña de Lugo. Hoxe están expandidas por toda a costa galega
No primeiro mapa vemos os datos de marzo de 2016 e no segundo os de Decembro de 2015. Parece que hai menos que a finais do ano pasado porque os niños no inverno destrúense.
¿QUE DEBO FACER NO CASO DE VER UN NIÑO DE VESPA VELUTINA?
Se detectas un niño, non te achegues a el a menos de 5 metros, e comunícao ao servizo de Atención e Información á Cidadanía, 012, ou no teu concello.
¿QUE EFECTOS TEN A VESPA VELUTINA?
CICLO BIOLÓXICO
Inverno: as raíñas hibernan, individualmente ou en grupos pequenos, en cavidades protexidas ( codias árbores, penas, paredes…)
Primavera: actívanse con bo tempo (marzo – xuño) e cada raíña funda un niño primario
Para os niños elixen árbores (50%), abrigos aireados (30%), muros ocos… O niño vai medrando uns 4-6 cm/semana. Ten unha soa entrada duns 1,5 cm na parte inferior ó principio, e á metade cando é vello. Está formado por unha serie de panais horizontais de papel maché, feito por avespas masticando follas (celulosa), e cuberto por 5-6 capas do mesmo material. Pode chegar a ter ata 14 panais e case un metro de lonxitude. Require cantidades importantes de follas e humidade. Por tanto preferentemente en zonas de bosque, ou próximas.
Verán: de xuño a outubro. Niños secundarios. Ata 12-15.000 individuos por colonia.
Outono: de outubro a decembro, as raíñas abandonan o niño e buscan cavidades protexidas para hibernar. O niño baléirase, morre.
DIETA
Aliméntanse de abellas (45-80% das súas capturas), arañas, bolboretas, moscas, libeliñas, eirugas; en verán -outono atráelles particularmente a froita madura.
PREDADORES NATURAIS
Só coñecemos ataques de gaios e paxaros carpinteiros a niños debilitados no outono e ataques entre distintas colonias destas avespas.
ACIÓNS A TOMAR
Primavera: colocación intensiva de trampas para capturar fundadoras.
Verán: destruír os niños avistados. Convén facelo de noite, cando toda a colonia está dentro do niño. Se quedan obreiras fóra poden construír novos niños.
Outono: captura de raíñas no momento de buscar lugar para hibernar.
¿QUÉ PODES FACER TI AGORA MESMO?
Montar unha trampa para coller ás raíñas neste momento, que están comezando a construir os niños primarios.
Para facelo tés que cortar a parte superior dunha botellla de plástico para facer unha especie de funil. Noutra botella de 1,5 litros fas un burato na zona central e incrustas a peza que preparaches antes. Na parte superior fai cuns cortes varios rectángulos de 5-6 mm de ancho. Con esa medida a maioría de insectos que non sexan as velutinas poderán escapar, pero o noso obxectivo quedará atrapado.
Preparas o líquido atraínte, mesturando:
– 1/3 litro de cervexa negra
– 1/3 de litro de viño branco
– 100 ml de zume de arandos. Se non atopas, podes usar tamén o de grosella ou algún moi doce, aínda que o de arandos parece o máis efectivo.
– unha culleriña de sal
Esta mestura da para 3 trampas.
Este líquido é bastante selectivo e entrarán mosquitos, moscas da froita pero sería moi raro que entrara algunha abella.
Pendura a botella co líquido atraínte a un metro e medio do chan, nunha árbore ou poste.
Se tes colmeas cerca non a coloques pois podes atraelas á zona. E comproba que non están caendo na trampa a nosa vespa europea a crabro. Si é así, quita a trampa. Son máis grandes que os buratos de escape e quedará atrapada.
V.crabro ( a nosa, máis grande) / V. velutina
Video explicativo elaborado polo Concello de San Sadurniño
Información oficial Consellería:
http://mediorural.xunta.gal/areas/gandaria/apicultura/vespa_velutina/
Asociación Galega de Apicultores:
http://www.apiculturagalega.es/archivos/resumo_programa_stop_velutina.pdf
O pasado domingo 25 de outubro estivemos como voluntarios na derradeira xornada de erradicación planta exótica invasora, Crocosmia x crocosmiiflora no lugar de Chelo (Coirós). Foi o segundo ano que colaboramos nesta labor coordinada por Fragas do Mandeo. Este ano comezouse cos voluntarios do dispositivo de voluntariado ambiental que coordinamos para a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Empezouse dende a ponte de Teixeiro, situada no límite exterior da área de distribución, e repasamos as dúas marxes do río en dirección augas arriba. Esta forma de actuar é para que, aínda que non se erradiquen todos os individuos, se deteña o avance da súa colonización.