A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado en colaboración coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza, puxo en marcha a 3ª Edición do Programa de Voluntariado Ambiental no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Ribeirán Proxectos Naturais estivo coordinando, ao longo do mes de maio, catro quendas de voluntarios na Illa de Ons. Dentro das nosas competencias estaban:
As ACCIÓNS VOLUNTARIAS realizadas polos participantes foron as seguintes:
Ruta de recoñecemento da Illa
O primeiro día faise unha ruta guiada para que os voluntarios coñezan e se familiaricen xeograficamente coa illa, así como coas peculiaridades sociolóxicas e loxísticas que ten vivir nun Parque Nacional e ademais nunha illa.
Aproveitando o percorrido móstranse fauna e flora, prestando especial atención ás especies endémicas da illa.
Hai dúas variantes:
Primeira. 13 Km. Percorremos a ruta sur e parte da norte do Parque, amosándolles os sitios máis emblemáticos da Illa:
Segunda.11 Km. Percorremos a ruta norte e parte da sur do Parque:
O resto da illa que queda sen visitar nesta ruta cubrímola nos tempos libres ou despois de facer as accións voluntarias ao longo dos días que dura o programa
Eliminación de Crocosmia x crocosmiiflora
A zona do antigo lavadoiro, situado na zona de Canexol, foi elixida para a recuperación das poboacións de anfibios da Illa de Ons. Máis concretamente para a recuperación poboacional do Sapo raxado, Dicoglossus galganoi, (“sapillo pintojo ibérico” en castelán). A ausencia de deterxentes, debido ao abandono deste lavadoiro, favorece a calidade das augas para que esta especie peche o seu ciclo vital nesta charca artificial.
Nesta zona durante anos depositáronse restos de xardinería. As plantas invasoras tapizaron a superficie ocupada pola gran cantidade de lixo acumulado.
Retirouse toda clase de refugallos dende botellas de vidro, calzado, pilas e ata redes de pescar.
A Crocosmia x crocosmiiflora colonizou gran parte deste lugar diminuíndo considerablemente a biodiversidade local, impedindo o desenvolvendo dunha flora que favoreza o asentamento do Sapo raxado
Introducida como ornamental, o seu uso en xardinaría está moi estendido. Aparece en medios alterados nitrófilos, próximos a zonas habitadas, estendéndose por unha mala xestión dos restos de xardinería. Tamén está presente en fragas de ribeira, ameneirais e salgueirais. Aproveitando os cursos de auga para expandirse a través dos seus bulbos.
Utilizáronse sachos para escavar a terra e así eliminar tanto a parte aérea como a parte subterránea da planta. Cada exemplar produce un rosario ou masa de bulbos que pode chegar a acadar un tamaño considerable. As partes aéreas e os bulbos métense en bolsas de lixo, pechados con bridas para evitar posibles contaminacións posteriores.
Eliminación de Arctotheca calendula ou margarida africana.
Planta herbácea procedente de Sudáfrica introducida con uso ornamental e con un gran potencial invasor mediante a propagación do seu banco de sementes polo vento ou por animais.
Aparece en zonas alteradas costeiras e zonas dunares. O uso intensivo dos areais costeiros favorece a expansión da especie, afectando directamente a varias especies raras ou ameazadas das dunas galegas por competencia de espazo físico e alteración do medio.
A eliminación realízase arrincándoa de forma manual e/ou con axuda dun pequeno sacho. As plantas arrincadas métense en bolsas de lixo, para evitar a fecundación posterior e dispersión da semente madura.
Concluíndo co Garda Xefe da Illa, podemos afirmar que o estado desta especie invasora está controlado. Apréciase unha diminución considerable da masa vexetativa dende a primeira actuación, fai agora tres anos.
Avistamento de cetáceos
Esta actividade lévase a cabo no “Miradoiro de Fedorentos” e “No Buraco do Inferno”. Os participantes reciben unha explicación sobre os diferentes tipos de cetáceos presentes nas nosas costas, bioloxía dos mamíferos mariños, comportamentos sociais, varamentos, estado de conservación e protección actual…
Os voluntarios utilizan prismáticos e un telescopio do Parque apoiados por material gráfico aportado polo Parque.
Debido aos temporais do pasado inverno, as praias da illa presentaban unha cantidade importante de refugallos procedentes tanto da acción humana tanto en terra como no mar. Os voluntarios recollen lixo, principalmente obxectos de plástico, de diferentes praias da illa introducíndoos en bolsas de lixo, que son depositadas nos camiños ata onde poden chegar os gardas cun remolque e transportalas ata o peirao, para posteriormente envialas a terra.
As praias onde se actúa son:
Eliminación de Canna indica
Tamén coñecida como Caña de las Indias, Platanillo de Cuba, procedente de Centroamérica é introducida con fins ornamentais destacando pola vistosidade das súas flores es follas. Na illa aparece formando rodais máis ou menos importantes en canto á súa superficie de cobertura
Seguindo as directrices marcadas polo Garda Xefe procedeuse á eliminación desta especie na parcela de experimentación escollida para tal fin. Esta parcela está situada na zona de Canexol, ao lado do lavadoiro en uso (preto do antigo lavadoiro)
A parcela fora, previamente, desbrozada mecanicamente. Utilizando sachos cavamos toda a terra para quitar a maior cantidade de tubérculos posible. Esta acción voluntaria fixémola en dúas quendas sucesivas debido a que xa había rebrotes a semana seguinte da primeira actuación. As plantas arrincadas e os tubérculos métense en bolsas de lixo, pechados con bridas para evitar posibles contaminacións posteriores.
Visita ao Faro
Grazas a boa predisposición dos fareiros, visitamos o faro no momento do seu acendido. Recibimos unha explicación das peculiaridades específicas do faro ao longo dunha ruta guiada, rematando no museo privado do faro, que presenta un aceso restrinxido ao público en xeral.
Dende Ribeirán Proxectos Naturais queremos dar o noso máis sincero agradecemento aos voluntarios polo seu traballo altruísta, solidario e desinteresado. Ao persoal do Parque Nacional pola atención e trato recibidos. Aos fareiros por amosarnos un dos faros mellor conservados da nosa xeografía. Aos veciños de Ons por recibirnos sempre cun xesto amable e familiar, con especial atención a Vitoria e Cesáreo, sempre tan amables e xenerosos. Á illa de Ons por amosarnos que os lugares paradisíacos non soamente existen noutras latitudes e que non fai falla moitos recursos materiais para chegar a ser feliz.